sábado, 15 de febrero de 2020

Un paseo polo antiguo Exipto

Dentro do proxecto de historia que estamos a desenvolver, na clase de 4 anos continuamos a traballar sobre o antigo Exipto e as súas marabillas.

Aprendemos cal é o río que atravesa este país, o río Nilo, un dous máis longos do mundo, e a través de contos falamos do seu importante papel na agricultura do antigo Exipto.

Traballamos a motricidade fina representando en equipo o río e os seus habitantes. Mesmo no xogo que fixemos coa nosa maqueta, xurdiron pontes no río para poder cruzar, porque aprendemos que no Nilo había crocodilos e hipopótamos.




Precisamente como son os animais un dos elementos que máis lle gusta ao noso alumnado, traballamos as nosas habilidades plásticas facendo uns divertidos crocodilos que puxemos a nadar no noso río Nilo da clase. Quedaron xenial!










Neste proxecto uns dos protagonistas son os faraóns, por iso o noso alumnado optou por decorar a porta da clase con estes personaxes do antigo Exipto, iso si, en termos de igualdade, representando tamén as raíñas. Mirade que ben pintan xa con pincel!














Estamos encantados co moito que estamos descubrindo sobre o antigo Exipto. Estade atentos porque comezamos a elaborar os nosos propios complementos de vestir, e nestas datas de Entroido vos daremos unha sopresa!

domingo, 9 de febrero de 2020

Teatro "O lobo e a lúa"

O venres tivemos unha saída ao teatro para ver a obra de títeres "O lobo e a lúa", espectáculo de Baobab Teatro, co que gozamos dunha fermosa historia dun pequeno lobo que vivía no Prado Azul e precisaba falar coa lúa. Era moi importante o que lle tiña que dicir, pero como a lúa estaba moi lonxe e non lle escoitaba, o lobo tiña que berrar. Cos seus berros non deixaba durmir a ninguén, nin a Nina a tartaruga, nin a Duarte o elefante, nin a Miñao, o gato malvado. No seu intento de falar coa lúa coñece a Mariano, un rato falador e divertido que lle axudará.

Aquí vos deixamos as fotos da saída.


Alumnado de catro anos durante a saída cara ao teatro



Alumnado de Educación Infantil na Praza de Compostela



Agardando ás portas do Teatro 


Como fomos os primeiros en chegar, ocupamos un lugar privilexiado nas tres primeiras ringleiras de butacas, polo que o noso alumnado estivo encantado de estar tan preto dos protagonistas da obra e de ver toda a escenografía ao seu carón.











Ao remate da obra, os protagonistas da mesma despedíronse de nós á saída.
E xa de volta as opinións foron maioritarias: a obra gustounos a todos. Quedamos cun bo sabor de boca e de seguro volveremos a ver novas propostas escénicas nas seguintes edicións.


sábado, 8 de febrero de 2020

O despertar da natureza

Pouco a pouco imos camiñando cara a primaveira, e aínda que falte tempo, a natureza xa vai amosando os seus primeiros indicios de que está a espertar do seu letargo invernal.
Por iso, na clase quisemos aproveitar estes primeiros indicios para sensibilizar ao noso alumnado cara as marabillas do mundo natural, e empregalos como un indicador do paso do tempo que lles axude a interiorizar este concepto.
Grazas a unha flor de tulipan, tódolos días estamos a observar a súa evolución grazas ao noso encargado de coidala.











De un día para outro o noso alumnado percibe os cambios, así que aproveitamos tamén para ir a ver como están a amosar signos de espertar, outras especies vexetais que temos no aparcadoiro do cole.
Nesta miniexcursión polo centro puidemos observar como as árbores de folla caduca están xa cos primeiros brotes das flores e como os arbustos teñen xa pequenas follas.





Aproveitamos para observar que non todas as especies perden as súas follas, e para comprobar como son e qué tacto teñen algunhas destas especies perennes do noso centro.



De aquí a pouco tempo estas especies comezarán a dar mostras do seu crecemento con cambios de cor que amosaremos ao noso alumnado. Así pouco a pouco imos incrementando neles o gusto pola natureza que tanto lles atrae. Xa vos iremos contando.