lunes, 14 de octubre de 2019

Pequeciencia: A importancia de lavar ben as mans

Dende ben pequenos a todos nos repetiron unha e outra vez que antes de comer había que lavar ben as mans. Quen non lembra a súa nai, o seu pai, ou mesmo aos avós dicindo antes de cada comida, “lava ben as mans”!? Esa pequena frase vai facendo que vaiamos adquirindo pouco a pouco ese hábito da nosa hixiene: lavar as mans antes de tocar a comida.

Pero, por qué é tan importante? Qué ten que ver iso de lavar as mans coa comida? E coa hixiene e a prevención de enfermidades?

Dentro do campo da educación para a saúde, no cole pensamos que os hábitos de hixiene temos que adquirilos dende ben pequenos, e ademais da forma máis lúdica e visual posible, para que os nosos descubrimentos, se convertan en  aprendizaxe e esta reforce as nosas rutinas diarias no que á saúde se refire.

Por iso para facer ver ao noso alumnado da importancia que ten para a nosa saúde lavar ben as mans con xabón antes de tocar alimentos, co fin de previr enfermidades, optamos por facer un experimento de laboratorio para que eles mesmos chegasen as súas propias conclusións sobre o tema.

Así que as tres clases de tres, catro e cinco anos de educación infantil, fomos ao laboratorio para comprobar experimentalmente qué ten iso de lavar as mans que ver coas enfermidades.

Comezamos aprendendo que as bacterias e os virus están por todas partes, e mesmo que moitas delas son boas, pero outras non tanto e son as responsables de producir as enfermidades. Por quendas, o alumnado foi falando da súa experiencia coa enfermidade, sobre qué nos ocorre cando estamos enfermos, cómo nos sentimos, qué nos doe, etc.







Despois fixemos unha pequena proba cunhas “bacterias” un pouco máis grandes do normal (xa que as de verdade non somos quen de miralas a simple vista). Puxemos nun prato uns graniños de especias a modo de bacterias ficticias, e comprobamos qué pasa cando tocamos as cousas que empregamos a cotío na clase: as bacterias quedan pegadas aos nosos dedos!






A continuación cos dedos cheos de “bacterias ficticias”, reflexionamos e traballamos a formulación de hipóteses, pensando qué vai acontecer con esas bacterias das nosas mans se tocamos a merenda? O noso alumnado acertou axiña o que pasaría, que se pegarían á nosa comida e despois as tragaríamos; pero por si quedaba algunha dúbida, tocamos un bocadillo de broma feito con plastilina, e alí estaban xa as bacterias que antes estaban nas nosas mans.

De seguido puxemos nun pratos auga coas bacterias ficticias feitas de especias e comezamos o experimento.

Por quendas, fomos botando nun dedo dos alumnos unha pinga de xabón de mans, e observamos qué acontecía coas bacterias cando tocamos a auga chea de bacterias co xabón. Marchan todas! Afástanse do xabón de súpeto!

Nos seguintes videos podedes comprobalo.

Experimento con alumnado de tres anos



Experimento con alumnado de catro anos



Experimento con alumnado de cinco anos


Deste xeito tan sinxelo ningún deles quedou con dúbidas e comprobou experimentalmente que o xabón é un medio moi eficaz para eliminar as bacterias das nosas mans. Aprendemos non só a formular hipóteses, senón tamén a ver e entender o porqué da importancia desa rutina de lavar as mans que seguimos tódolos días despois de subir do patio e antes de tomar a merenda.

Deste xeito tan divertido imos introducindo ao noso alumnado no mundo da ciencia ao tempo que facemos educación para a saúde.

Estade atentos que neste curso haberá moita máis “pequeciencia”!

No hay comentarios:

Publicar un comentario