Na etapa de educación infantil, o xogo simbólico, no que os nenos poden xogar a ser maiores, ou a facer as cousas que estes fan, é fundamental para o desenvolvemento integral do noso alumnado. Por tal motivo aproveitamos, calquera ocasión para xogar as cousas que fan os maiores.
Nesta ocasión, aproveitando que ao longo do primeiro reto, dedicado ao coidado do corpo, fomos descubrindo aos diferentes profesionais que participan no coidado da nosa saúde, montamos o recuncho do centro de saúde, dotado con material médico variado, e a xogar!
Organizamos a consulta, con dous espazos diferenciados: a consulta do pediatra e a de enfermería, e por quendas, todos foron facendo de pediatras, enfermeiras ou enfermeiros e como non, pacientes coas súas doenzas que precisaban de atención especializada! Mesmo montamos a zona de agarda e chamábamos por teléfono para pedir as citas. Todo do máis real, como podedes comprobar nas seguintes fotos.
Os nosos pediatras fixeron unha revisión médica como correspondía ao caso a tratar. Son grandes profesionais!
E na nosa enfermería, mesmo chegamos a facer curas de verdade, e así de paso traballamos a nosa motricidade pasándoo en grande.
E se este primeiro contacto coas profesións de pediatra e enfermeir@ foi todo un éxito, non foi menos o noso descubrimento da profesión de oculista. No proxecto falamos sobre qué nos coidan estes profesionais, e cómo traballan, e o noso alumnado tomou boa nota e a xogar a ser oculistas!
Como os pacientes non eran quen de ver axeitadamente as letras, os oculistas probaron con distintos modelos de lentes, ata dar co modelo que mellor lles parecía. Mirade qué ben o fixeron, e que ben o pasaron!
Ademais de pasalo en grande, eles mesmos traballaron a lectoescritura grazas aos nosos carteis das letras da nosa óptica escolar.
Desde que comezamos a xogar neste recuncho do centro de saúde, non hai día que alguén non queira ir ao pediatra ou facer dalgún destes profesionais. Quen sabe se o día de mañá teremos entre eles grandes profesionais da saúde! Polo de agora seguiremos aprendendo pasándoo ben, que é como mellor se aprende, e como máis nos gusta facelo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario