O alumnado da clase de tres anos está a desenvolver un proxecto sobre a prehistoria, o de cinco anos sobre a Idade Media, e os de catro estamos a traballar sobre o antigo Exipto.
Despois de situalo no mapa, pouco a pouco imos descubrindo as marabillas deste país, coñecido pola espectacularidade das súas construcións máis destacadas: as pirámides, pola súa arte, e particular escritura xeroglífica de fai máis de 3000 anos.
O noso alumnado está a traballar os diferentes conceptos mediante múltiples formas de expresión e representación.
Comezamos polas pirámides, e falamos do que son, da súa forma, para qué se empregaban, da súa construción... E puxémonos a traballar co material da clase para construír con bloques unha pirámide tridimensional. Quedaron así de ben!
A imaxinación deste equipo non ten límites, e eles mesmos puxeron dentro da pirámide bonecos a modo de momias dos faraóns! Todas as pirámides teñen dentro a súa figurada momia, como podedes comprobar.
Boneco de Lego facendo as veces de momia dentro da pirámide
No taller que fixemos con pallas e plastilina, saíron cousas verdadeiramente creativas, como palmeiras do deserto, pirámides e mesmo monstros. Imaxinación ao poder. A que isto que fixeron é unha pirámide?
Aproveitamos tamén a creación plástica, para deixar representadas as nosas pirámides. Fixémolas con papeliños a modo de bloques de pedra e a todos lles encantou o resultado.
Mesmo experimentamos cos conceptos de pesado e lixeiro grazas as pedras das pirámides. Cun anaco de pedra moito máis pequeno que os das famosas construcións exipcias, probamos a desprazalo pola mesa sen ningún tipo de material, e coa axuda duns rotuladores, e descubrimos de qué xeito era máis doado transportar ese pesado material de construción hai miles de anos. Mirade que ben o pasan cos experimentos.
Alumnado de catro ano experimentando co transporte de bloques de pedra
Estamos a descubrir un montón de cousas sobre o antigo Exipto, e o que nos queda por contar! Estade atentos que pronto avanzaremos máis do moito e ben que traballa este grupo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario