domingo, 9 de febrero de 2020

Teatro "O lobo e a lúa"

O venres tivemos unha saída ao teatro para ver a obra de títeres "O lobo e a lúa", espectáculo de Baobab Teatro, co que gozamos dunha fermosa historia dun pequeno lobo que vivía no Prado Azul e precisaba falar coa lúa. Era moi importante o que lle tiña que dicir, pero como a lúa estaba moi lonxe e non lle escoitaba, o lobo tiña que berrar. Cos seus berros non deixaba durmir a ninguén, nin a Nina a tartaruga, nin a Duarte o elefante, nin a Miñao, o gato malvado. No seu intento de falar coa lúa coñece a Mariano, un rato falador e divertido que lle axudará.

Aquí vos deixamos as fotos da saída.


Alumnado de catro anos durante a saída cara ao teatro



Alumnado de Educación Infantil na Praza de Compostela



Agardando ás portas do Teatro 


Como fomos os primeiros en chegar, ocupamos un lugar privilexiado nas tres primeiras ringleiras de butacas, polo que o noso alumnado estivo encantado de estar tan preto dos protagonistas da obra e de ver toda a escenografía ao seu carón.











Ao remate da obra, os protagonistas da mesma despedíronse de nós á saída.
E xa de volta as opinións foron maioritarias: a obra gustounos a todos. Quedamos cun bo sabor de boca e de seguro volveremos a ver novas propostas escénicas nas seguintes edicións.


sábado, 8 de febrero de 2020

O despertar da natureza

Pouco a pouco imos camiñando cara a primaveira, e aínda que falte tempo, a natureza xa vai amosando os seus primeiros indicios de que está a espertar do seu letargo invernal.
Por iso, na clase quisemos aproveitar estes primeiros indicios para sensibilizar ao noso alumnado cara as marabillas do mundo natural, e empregalos como un indicador do paso do tempo que lles axude a interiorizar este concepto.
Grazas a unha flor de tulipan, tódolos días estamos a observar a súa evolución grazas ao noso encargado de coidala.











De un día para outro o noso alumnado percibe os cambios, así que aproveitamos tamén para ir a ver como están a amosar signos de espertar, outras especies vexetais que temos no aparcadoiro do cole.
Nesta miniexcursión polo centro puidemos observar como as árbores de folla caduca están xa cos primeiros brotes das flores e como os arbustos teñen xa pequenas follas.





Aproveitamos para observar que non todas as especies perden as súas follas, e para comprobar como son e qué tacto teñen algunhas destas especies perennes do noso centro.



De aquí a pouco tempo estas especies comezarán a dar mostras do seu crecemento con cambios de cor que amosaremos ao noso alumnado. Así pouco a pouco imos incrementando neles o gusto pola natureza que tanto lles atrae. Xa vos iremos contando.

jueves, 6 de febrero de 2020

As pirámides de Exipto

Nesta primeira parte do trimestre, os tres cursos de Educación Infantil estamos a facer un percorrido pola historia, da man dos retos que nos plantexan as nosas mascotas: Rita, Roto e Rizos.

O alumnado da clase de tres anos está a desenvolver un proxecto sobre a prehistoria, o de cinco anos sobre a Idade Media, e os de catro estamos a traballar sobre o antigo Exipto.

Despois de situalo no mapa, pouco a pouco imos descubrindo as marabillas deste país, coñecido pola espectacularidade das súas construcións máis destacadas: as pirámides, pola súa arte, e particular escritura xeroglífica de fai máis de 3000 anos.

O noso alumnado está a traballar os diferentes conceptos mediante múltiples formas de expresión e representación.

Comezamos polas pirámides, e falamos do que son, da súa forma, para qué se empregaban, da súa construción... E puxémonos a traballar co material da clase para construír con bloques unha pirámide tridimensional. Quedaron así de ben!





A imaxinación deste equipo non ten límites, e eles mesmos puxeron dentro da pirámide bonecos a modo de momias dos faraóns! Todas as pirámides teñen dentro a súa figurada momia, como podedes comprobar.


Boneco de Lego facendo as veces de momia dentro da pirámide

En diferentes sesións, traballamos o concepto de pirámide con plastilina, con regretas cuisenaire, e mesmo con palliñas de cores, para ir un paso máis aló na súa capacidade de abstracción e na percepción espacial.

No taller que fixemos con pallas e plastilina, saíron cousas verdadeiramente creativas, como palmeiras do deserto, pirámides e mesmo monstros. Imaxinación ao poder. A que isto que fixeron é unha pirámide?


Aproveitamos tamén a creación plástica, para deixar representadas as nosas pirámides. Fixémolas con  papeliños a modo de bloques de pedra e a todos lles encantou o resultado.


Mesmo experimentamos cos conceptos de pesado e lixeiro grazas as pedras das pirámides. Cun anaco de pedra moito máis pequeno que os das famosas construcións exipcias, probamos a desprazalo pola mesa sen ningún tipo de material, e coa axuda duns rotuladores, e descubrimos de qué xeito era máis doado transportar ese pesado material de construción hai miles de anos. Mirade que ben o pasan cos experimentos.


Alumnado de catro ano experimentando co transporte de bloques de pedra


Estamos a descubrir un montón de cousas sobre o antigo Exipto, e o que nos queda por contar! Estade atentos que pronto avanzaremos máis do moito e ben que traballa este grupo.

lunes, 3 de febrero de 2020

Celebramos o Día escolar da non violencia e da paz

O 30 de xaneiro celébrase o Día escolar da non violencia e da paz, unha data sinalada que aproveitamos para traballar de xeito transversal os valores universais o dos dereitos humanos, centrados na paz e aqueles que favorecen a convivencia, a amizade e o rexeitamento de calquera forma de violencia.

Por iso estes días nas clases de Educación Infantil estivemos falando nas asembleas destes temas, que traballamos tamén con diferentes contos coa paz e a amizade como fíos condutores, e cunha canción para celebrar tan sinalada data.

Durante toda a semana pasada estivemos a preparar os materiais que tiñamos asignados pola organización: un mural e diversos medallóns cos símbolos da paz. Os nenos de tres anos fixeron uns bonitos corazóns, os de catro colgantes da pomba da paz e os de cinco das súas mans.

Aquí tedes ao noso alumnado traballando no mural.




O grupo de catro ano elaborou os medallóns das pombas da paz, e non quiso deixar de pasar a oportunidade de facer que voasen polo planeta para pedir a paz en todo o mundo.



O traballo conxunto das tres clases de Educación Infantil foi este mural no que cada neno puxo o seu gran de area cun boneco colerado, que empregamos na celebración conxunta do Día da non violencia e a paz.


Onte toda a comunidade educativa do centro saíu ao patio a celebrar conxuntamente esta data, cunha cerimonia na que primeiro os nosos maiores da ESO nos agasallaron cunha fermosa canción en inglés, e despoís elaboramos entre todos unha "receita para a paz", na que cada curso achegaba un ingrediente esencial.

Aquí tedes o alumnado de tres, catro e cinco anos achegando as súa palabras para a receita: amor, amizade e bondade.


Mentres se enchía a pota da nosa receita, todos observamos ben atentos.





Despois todos xuntos cantamos a canción pola paz deste ano, e coa ledicia do momento, gozamos do bo día co froito do noso traballo.







Quedamos coa mensaxe de que entre todos podemos traballar para facer que todos os días do ano sexan o Día da paz.

Cumpres de xaneiro

Sara Dani foi a homenaxeada da clase de cinco anos


E Ana foi a homenaxeada na clase de tres.