lunes, 14 de octubre de 2019

Pequeciencia: A importancia de lavar ben as mans

Dende ben pequenos a todos nos repetiron unha e outra vez que antes de comer había que lavar ben as mans. Quen non lembra a súa nai, o seu pai, ou mesmo aos avós dicindo antes de cada comida, “lava ben as mans”!? Esa pequena frase vai facendo que vaiamos adquirindo pouco a pouco ese hábito da nosa hixiene: lavar as mans antes de tocar a comida.

Pero, por qué é tan importante? Qué ten que ver iso de lavar as mans coa comida? E coa hixiene e a prevención de enfermidades?

Dentro do campo da educación para a saúde, no cole pensamos que os hábitos de hixiene temos que adquirilos dende ben pequenos, e ademais da forma máis lúdica e visual posible, para que os nosos descubrimentos, se convertan en  aprendizaxe e esta reforce as nosas rutinas diarias no que á saúde se refire.

Por iso para facer ver ao noso alumnado da importancia que ten para a nosa saúde lavar ben as mans con xabón antes de tocar alimentos, co fin de previr enfermidades, optamos por facer un experimento de laboratorio para que eles mesmos chegasen as súas propias conclusións sobre o tema.

Así que as tres clases de tres, catro e cinco anos de educación infantil, fomos ao laboratorio para comprobar experimentalmente qué ten iso de lavar as mans que ver coas enfermidades.

Comezamos aprendendo que as bacterias e os virus están por todas partes, e mesmo que moitas delas son boas, pero outras non tanto e son as responsables de producir as enfermidades. Por quendas, o alumnado foi falando da súa experiencia coa enfermidade, sobre qué nos ocorre cando estamos enfermos, cómo nos sentimos, qué nos doe, etc.







Despois fixemos unha pequena proba cunhas “bacterias” un pouco máis grandes do normal (xa que as de verdade non somos quen de miralas a simple vista). Puxemos nun prato uns graniños de especias a modo de bacterias ficticias, e comprobamos qué pasa cando tocamos as cousas que empregamos a cotío na clase: as bacterias quedan pegadas aos nosos dedos!






A continuación cos dedos cheos de “bacterias ficticias”, reflexionamos e traballamos a formulación de hipóteses, pensando qué vai acontecer con esas bacterias das nosas mans se tocamos a merenda? O noso alumnado acertou axiña o que pasaría, que se pegarían á nosa comida e despois as tragaríamos; pero por si quedaba algunha dúbida, tocamos un bocadillo de broma feito con plastilina, e alí estaban xa as bacterias que antes estaban nas nosas mans.

De seguido puxemos nun pratos auga coas bacterias ficticias feitas de especias e comezamos o experimento.

Por quendas, fomos botando nun dedo dos alumnos unha pinga de xabón de mans, e observamos qué acontecía coas bacterias cando tocamos a auga chea de bacterias co xabón. Marchan todas! Afástanse do xabón de súpeto!

Nos seguintes videos podedes comprobalo.

Experimento con alumnado de tres anos



Experimento con alumnado de catro anos



Experimento con alumnado de cinco anos


Deste xeito tan sinxelo ningún deles quedou con dúbidas e comprobou experimentalmente que o xabón é un medio moi eficaz para eliminar as bacterias das nosas mans. Aprendemos non só a formular hipóteses, senón tamén a ver e entender o porqué da importancia desa rutina de lavar as mans que seguimos tódolos días despois de subir do patio e antes de tomar a merenda.

Deste xeito tan divertido imos introducindo ao noso alumnado no mundo da ciencia ao tempo que facemos educación para a saúde.

Estade atentos que neste curso haberá moita máis “pequeciencia”!

domingo, 13 de octubre de 2019

Aprendendo sobre o noso corpo

Na clase de 4 anos estamos a descubrir cómo é o noso corpo. Todos somos diferentes e temos características propias que nos fan únicos e especiais, pero tamén cousas que nos fan semellantes uns aos outros. 

Na nosa investigación estamos a traballar sobre as partes que forman o noso corpo, e  aproveitamos para traballar a linguaxe e o vocabulario, mentres traballamos a nosa creatividade coa plastilina.
Cada un representouse a sí mesmo facendo un monicreque. Mirade que ben lles saen!








A continuación  comezamos a indagar sobre qué temos no noso interior, aquilo que non podemos observar a simple vista: o noso esqueleto.

Coa axuda da nosa mascota "Roto" descubrimos que o noso interior está cheo de osos de diferentes formas e tamaños, e que podemos observalos grazas as radiografías. 

Despois das nosas pesquisas, cada un construíu coas súas propias mans, un esqueleto articulado para poder observar a posición do mesmo cando corremos, saltamos, ou facemos exercicios ximnásticos. Foi do máis divertido como podedes comprobar nas seguintes imaxes.









E para rematar co esqueleto, qué mellor que ver unha replica no laboratorio? Ata alí fomos de excursión polo cole, para descubrir qué tamaño teñen en realidade os osos, e se son brandos ou duros, flexibles ou ríxidos, e nomear mentres as movíamos, as principais articulacións do corpo. Pasámolo xenial!








No laboratorio tivemos a oportunidade de falar sobre qué importantes órganos protexen as nosas costelas, e que órgano vital atopamos dentro do noso cranio: o cerebro, responsable de que sexamos quen de aprender, e ser tan listos. Mesmo puidemos comprobar cómo é cunha réplica do mesmo, e así de paso aprendemos novo vocabulario. Velaquí tedes a mostra.


Quen sabe se entre o noso alumnado teremos nun futuro algún médico ou membro do persoal sanitario! Polo momento continuaremos coas nosas pesquisas, mentres traballamos o seu pensamento científico, a súa creatividade e o seu interese polo descubrimento do mundo. Mantédevos atentos á páxina web do cole e ao noso blog!

martes, 8 de octubre de 2019

Cantando en inglés

Cómo cantan estes rapaces e rapazas de 5 anos


lunes, 30 de septiembre de 2019

Aniversarios de setembro

Esta primeira festa de aniversarios contou coas homenaxeadas da clase de cinco anos Imán e Antía.








Benvida a un novo curso

Comezamos un novo curso con moitos retos e novidades.
Damos a benvida ás novas incorporacións e aos nenos e nenas da clase de tres anos. E, por suposto, unha aperta moi forte a todos os rapaces e rapazas que seguen connosco.
Neste blog poremos fotos e videos de saídas ou actividades q faremos ao longo do curso.
Un saúdo de parte do equipo de mestres e mestras de E. Infantil.



martes, 25 de junio de 2019

Graduación


Coma todos os anos xa nos toca despedir os leonciños da clase de 5 anos que suben a primaria.Tiveron a súa graducación o pasao mércores 19 de xuño onde tiveron a súa propia festa.
Déixovos unhas fotos dos nervios que se viviron ese día.